Pasamos a vida desexando cousas; o que non temos e que cremos que nos fará felices. Desexando saír correndo do presente porque non nos gusta, non nos enche. Pero do que non nos decatamos, é de que só seremos “felices” no intre no que aceptemos a realidade na que vivimos; no intre no que deixemos de crer que cando academos un traballo mellor, unha casa mellor, unha parella… seremos felices.
Anguriámonos porque sentímonos sós e en realidade estamos rodeados de persoas, creámonos problemas que non existen e cremos, ademais, que estes veñen de fóra. O problema está en que non somos quenes de enfrontarnos a nós mesmos, de desfrutar de nós, aquí e agora, sentíndonos ben co que temos no intre presente. Pero a estratexia que adoitamos empregar é fuxir de nós mesmos, non avanzar, non traballar o noso interior.
Cando nos sentimos ben con nós, somos quenes de medrar, de brilar e de aportar multitude de cousas aos que nos arrodean.
Hai un factor que ten un peso importante sobre a nosa actitude vital e que supón un lastre psíquico: a memoria da fatalidade; é dicir, cando fracasamos en reiteradas ocasións nun aspecto ou nun eido determinado, rematámonos crendo que sempre imos fracasar no mesmo. Así, atrapados no medo a voltar a sufrir, excusámonos ante nós mesmos e ante os demais para non ter que arriscar. Isto, gradualmente, vainos anquilosando na nosa “zona de confort” (aquelo que nos aporta seguridade porque pensamos que o podemos predecir e que o temos baixo control); este medo, fai que prefiramos estar nunha mala situación, que enfrontarnos e arriscar para saír dela, co cal, seguimos repetindo unha e outra vez comportamentos que non nos funcionan, ou directamente evitamos as situacións porque, segundo as nosas crenzas, non iamos ser quenes de acadalo.
Ser feliz é unha cuestión de actitude. Cando aceptamos as circunstancias presentes, sufrimos o xusto, nembargantes, cando nos rebelamos ante elas, a nosa dor medra.
Na vida hai intres para o desfrute e intres malos, ahí é onde temos que superarnos, enfrontarnos ás dificultades, asumindo as cousas como son e non como quixéramos que foran, aceptando e non frustrándonos. É fundamental partir da base de que a felicidade absoluta non existe. Cando falamos de felicidade, referímonos a un estado de benestar que nos permite vivir as realidades que nos tocan dende a aceptación, desfrutando das cousas boas e enfocando as malas como oportunidades para medrar, como momentos intrínsecos á vida, sen sobredimensionalos nin vernos coma vítimas das circunstancias.
A vida está chea de intres e a “mala” ou “boa” sorte non existen; existen as persoas que cren que teñen “mala” sorte e polo tanto, só prestan atención ao negativo, ficando ancoradas na dor e as persoas que están á espreita do positivo, para así poder aproveitar as oportunidades, sen deixarse desmoralizar polas adversidades.