Non imos dicir que non corren tempos difíciles…Por suposto que sí!. É innegable que estamos sendo protagonistas dun acontecemento histórico; os efectos devastadores da pandemia do Covid-19 serán lembrados por toda a humanidade…
As consecuencias do Coronavirus, estanse a dar e daranse, tanto a nivel individual coma global. A nivel individual, ansiedade, estrés, depresión, obsesión, medo, etc; a nivel global, problemas económicos, laborais, sanitarios, sociais, etc.
A cuestión non é só o que está a acontecer, senón e sobre todo, que facemos con elo…Aparentemente, cando nos enfrontamos a feitos dramáticos coma o do Covid-19, semella non haber opcións, ou cando menos, non haber máis opción que resignarse e asumir a realidade que impera, agardando que “pase a treboada”; daquela, retomaremos a nosa “zona de confort”. Pero a realidade é que sí hai alternativas á resignación, que o único que fai é provocarnos impotencia, indefensión e frustración. Podemos optar por desenvolver unha actitude resiliente. Pero, que é a resiliencia?.
A resiliencia é a capacidade que temos TODOS os seres humanos de afrontar e superar con éxito as experiencias ou feitos traumáticos que ás veces nos presenta a vida; pero non só superándoos, senón ademais, saíndo reforzados e enriquecidos deles, con novas aprendizaxes e destrezas, tanto emocionais, como sociais, como doutro tipo, que nos permitirán resolver con sabedoría e éxito conflitos e problemas futuros.
Insistimos en que esta capacidade témola TODOS, porque é moi importante que teñamos conciencia disto, para, por unha banda, protexernos das garras da depresión e a ansiedade, por mor de pensar que non podemos facer nada para cambiar as situacións ou que “non paga a pena” e por outra, para non caer na tención de adoptar a postura de “espectadores” da nosa propia vida, o cal nos levaría, tristemente, a ser meros títeres das circunstancias; neste caso, dos efectos do coronavirus.
A mensaxe esencial que queremos transmitirvos neste post e que, agora máis que nunca tedes que erguervos, psicolóxicamente falando e tomar as rendas da vosa vida. SÍ que hai moitas cousas que están nas vosas mans. SÍ que podedes sacarlle aspectos positivos ao Covid-19, aínda que non o pareza. SÍ que podedes superar esta situación de confinamento e estrés. E por suposto, SÍ que podedes sair enriquecidos desta crise.
Xa estades a facer actos de prevención, solidariedade e coidado moi importantes (confinamento, distancia social, hixiene extrema das mans, non tocar, non dar apertas, non ver nin estar cos vosos seres queridos, etc) auténticas fazañas cotiás das que tedes que sentirvos satisfeitos. Pero é igual de importante, que invirtades tamén en vós mesmos.
Viaxade ao máis profundo da vosa psique e escoitade…Que é o que precisades?; que capacidades ou habilidades tedes das que podades botar man para sobrelevar o mellor posible esta crise do coronavirus?: poden ser destrezas de tipo práctico, que vos faciliten a vida actual de reclusión; habilidades creativas, que vos permitan non só entretervos, senón tamén desfrutar, relaxarvos, compartir, canalizar pensamentos e emocións; habilidades físicas, que vos axudarán a estar máis inmunizados contra o Covid-19, xa que un corpo forte e flexible está vencellado asemade cunha mente forte e flexible; e tamén habilidades emocionais (entre as que está a resiliencia), que vos permitirán afrontar do mellor xeito posible, psicolóxicamente, esta tempada de confinamento.
Todo este abano de capacidades e habilidades, contribuirán a desenvolver a vosa resiliencia, pero o primeiro paso será que vós tomedes a decisión de optar por desenvolver esta actitude tan sá e protectora.
Como podedes e en que notaredes que estades desenvolvendo a vosa resiliencia?:
- Decidindo quedarvos cos pensamentos construtivos, ampliándoos ou transformando os negativos en construtivos.
- Poñendo atención plena nos aspectos, actividades, intres que vos relaxan e proporcionan satisfacción.
- Escoitando ao voso corpo e mente, procurando darlles, na medida do posible, o que precisen: estar en silencio, darvos un baño, bailar, facer exercicio, ler, etc…
- Tentando contactar (por teléfono, correo electrónico, etc) con persoas que coñezades e que saibades que superaron situacións complicadas: que lles axudou daquela?; que fixeron?; hai algo que poidades incorporar ás vosas rutinas?.
- Todos sabemos que temos algunha capacidade “oculta” que aínda non fomentamos ou estimulamos dabondo; cal é a túa?; cantas, coses, escribes,…?: comeza a facelo.
- Nada será igual despois da crise do coronavirus: que cambio ou cambios pensas que podes dar na túa vida cando isto remate?.
Pero lembra o máis importante: nada é para sempre na vida. Todo muda. Ti tes unha historia e unha vida antes do Covid-19 e terás, de novo, unha historia e unha vida despois do Covid-19.
Adiante!.