DESTINATAROS: Adolescentes adoptadas/os que teñan interese en fortalecer a súa autoestima e en coñecerse a si mesmas/os .
DATOS DE INTERESE: Todos os martes do mes de xullo (5, 12, 19 e 26), en horario de 12:00 a 13:30, nas instalacións de Paradoxo (horarios negociables, segundo as/os asistentes).
O custo das catro sesións será de 50 Euros por participante.
Poderíase sintetizar a “autoestima” como a confianza que cada persoa ten en si mesma. Dita confianza ten unha gran importancia, debido á influencia que exerce nas persoas cando teñen que afrontar as dificultades que se lles presentan na vida.
Unha autoestima de calidade proporciona a confianza suficiente para arriscarse, para tomar decisións con independencia, a pesares das posibles opinións en contra e sobre todo, fai que as persoas teñan a sensación de seren útiles e dignas.
Sabendo que unha boa autoestima é signo dunha boa saúde mental, consideramos que é de vital importancia que as persoas dispoñan dun lugar de encontro no que podan consolidar as capacidades que xa teñen, para facer que as súas vidas e as súas relacións sociais sexan máis gratificantes e asemade, adquirir outras novas.
Ao longo destes obradoiros traballaranse as seguintes capacidades:
- Fortalecer e consolidar unha autoestima axeitada.
- Comunicarse de xeito asertivo cos que lles rodean.
- Xerar estratexias que contribúan á integración das experiencias pasadas que puidesen estar a influir na construcción da identidade e dunha autoestima positiva.
- Previr dificultades psicolóxicas a través do desenvolvemento da autoestima.
- Que as/os participantes aprendan a identificar que variables inflúen na súa autoestima e cal é o valor que lle dan.
- Ser quen de identificar, racionalizar e loitar contra os sentimentos de culpa e carraxe.
- Ser quen de dicir que “non” e de pedir o que se precisa, respectando tanto as necesidades e os dereitos propios coma os alleos.