Centro de Psicología en Vigo y Redondela - Rexistro de Centros Sanitarios da Consellería de Sanidade: C-36-003028 y C-36-002157 paradoxo@paradoxo.es
(+34) 986 400 426

O APEGO E O SEU IMPACTO NAS RELACIÓNS

El apego y las relaciones

O apego, ese vínculo afectivo que se vai forxando dende a primeira infancia entre o/a neno/a e a súa figura de referencia, é esencial para o bo desenvolvemento físico e psíquico do menor e ademais, vai exercer unha gran influencia no tipo de relacións interpersoais que ese menor vai ir  establecendo a medida que vaia medrando e cando chegue á adultez. É dicir, en función do tipo de vínculo creado coa figura de referencia, ese/a neno/a, no futuro, será un adulto libre, independente e con saúde psíquica, ou polo contrario, un adulto dependente, escravo nas súas relacións persoais e con sufrimento emocional.

O que comeza, principalmente, pola necesidade de satisfacción das necesidades básicas de supervivencia, vai evolucionando e facéndose cada vez máis complexo. Ese alimentarlle cando o bebé ten fame, darlle de beber cando ten sede, cambiarlle os cueiros ou acudir para consolalo se chora, transmite ao neno/a unha mensaxe de coherencia e predecibilidade nas respostas do referente; así, o/a neno/a vai interiorizando que a súa figura de apego vai dar resposta ás súas demandas e polo tanto, vai ir desenvolvendo tanto confianza nesa relación, coma nunha contorna segura.

Estes serán uns dos principais alicerces da súa autoestima, o seu autoconcepto e sobre todo, da súa saúde emocional, que lle permitirá establecer relacións estables e gratificantes ao longo da súa vida.

Polo contrario, se a figura de apego está ausente física ou emocionalmente, non resposta ás súas demandas e necesidades ou faino dun xeito inconsistente e impredecible, será altamente probable que ese menor non chegue a desenvolver un vínculo san, xa que a relación entre neno/a e referente afectivo estará caracterizada pola inestabilidade, a impredecibilidade, a incoherencia, a frustración, etc; o/a neno/a non vai poder interiorizar unha visión do mundo e das relacións baseada na confianza, senón que percibirá aos demais e á súa contorna como hostís e ante os que, dende o seu punto de vista, deberá manterse “en garda”, porque en cualquera intre pódenlle fallar. O menor non chegou a experimentar a sensación  de incondicionalidade na relación cos seus referentes na primeira infancia e consecuentemente, non a percibe como posible, polo que as súas relacións interpersoais caracterizaránse pola dependencia, o medo ao abandono, a inseguridade, a ansiedade,…

Pero, a pesares do comentado anteriormente, o tipo de apego establecido na infancia poderá contribuir a facilitar ou dificultar tanto as relacións cos demais, como a saúde psíquica, pero por fortuna, non será absolutamente determinante para estas, xa que é fundamental como ese menor, cando chega á idade adulta, interpreta e incorpora á súa historia de vida esas relacións temperás coa súa figura de apego, que conclusións extrae delas e en definitiva, que narración se fai a sí mesmo e aos demais.

Pode facer unha narración destrutiva, que socave a súa autoestima, que lle faga sentirse indigno e unha vítima, provocándolle un gran malestar emocional e dificultando as súas relacións cos demais, ou pode viaxar mentalmente ao lugar e época na que esas relacións temperás tiveron lugar e interpretar as reaccións e o proceder do seu referente dunha maneira contextualizada; facelo así, posibilitaralle facer unha narración da súa historia de vida construtiva, incluso positiva, xerándolle sentimientos de dignidade e a certeza de que ten a capacidade de superar as adversidades, o que repercutirá na súa autoestima, fortalecéndoa e propiciando que estableza relacións sas, estables e baseadas na confianza.