Todos temos escoitado falar de hipnose en numerosas ocasións, mais no imaxinario do groso da poboación están asentadas imaxes como a de Woody Allen na película “A Maldición do Escorpión de Jade”, na que tras ter sido hipnotizado e anclado á palabra “Constantinopla”, o susodito entraba nun trance profundo con levantamento de brazos incluído, cada vez que escoitaba a palabra, perdendo por completo a vontade, pasando a actuar segundo os desexos do hipnotizador. Lonxe disto, con este pequeno artigo pretendemos dar unhas pequenas pincelados sobre o que é e para que se emprega a hipnose no eido clínico, para que aqueles que queiran aproveitar os seus beneficios poidan facelo, coñecendo o seu verdadeiro funcionamento e natureza.
Que é a hipnosis?
Dentro da hipnose poderíamos falar da hipnose clásica, que emprega suxestións directas, métodos de inducción e profundización; e de outra hipnose, máis moderna, baseada na hipnose Ericksoniana, que emprega suxestións indirectas, metáforas e métodos non formais de inducción. É desta última da que imos falar, da hipnose que se emprega como técnica terapéutica útil para tratar diferentes doenzas e/ou problemáticas.
Comezaremos esta pequena reseña cunha definición de hipnose que poida aclarar dúbidas do que é a hipnose e para que se está empregando na actualidade no eido clínico, mais aló da hipnose clásica que en moitas ocasións foi empregada para facer espectáculo. Spiegel e Spiegel (1987) concíbena como un estado psicofisiolóxico de concentración focalizada, atencional e receptivo, cunha disminución na conciencia periférica.
Lonxe do que se poida crer, existe unha gran cantidade de investigación científica sobre a hipnose e a súa aplicación ao eido clínico. Sendo frecuente, que incluso dentro dos profesionais da psicoloxía, se descoñeza a utilidade desta técnica para fomentar a eficacia das intervencións médicas e psicolóxicas.
Cuestións que axudarán a entendela:
- A hipnose é unha ferramenta psicolóxica de demostrada eficacia na práctica científico profesional, obxecto de investigación de prestixiosos e numerosos autores tais como, Alfred Binet, William James, Wilhem Wundt, Eysenk, Ivan Paulov, etc… e por asociacións como a división 30 de hipnose da American Psychological Association (APA).
Isto non quita que existan persoas do mundo do espectáculo que a empreguen para facer shows carentes de fondo terapéutico.
- O trance non “engancha” á persoa, este estado podería compararse polo acadado por técnicas como a relaxación, imaxinación ou concentración. De feito, Milton H. Erickson define o trance como “un estado de atención focalizada”.
- Non se constatan datos algúns de que persoas sás poidan xerar algún tipo de psicopatoloxía por mor da hipnose, aínda que sempre é preciso que esta práctica se leve a cabo por profesionais debidamente formados, xa que a utilización desta técnica non está recomendada en persoas que xa presentan determinadas patoloxías mentais.
- Baixo a hipnose non se provoca nada que non se suxira e/ou que a persoa non queira ou agarde que vaia a acontecer. A hipnose tampouco ten poderes para lograr reaccións espectaculares nas persoas hipnotizadas.
- A hipnose nunca elimina ou anula o control voluntario da persoa, polo que o hipnotizador non pode controlar a vontade da persoa hipnotizada.
- A hipnose axuda a que as persoas teñan un maior control sobre as propias reaccións, que a través da hipnose poden aprender a activar ou inhibir con eficiencia determinadas condutas cando a persoa así o precise. Polo que se podería dicir que a hipnose é un xeito de autocontrol.
- Por último, facilita os resultados terapéuticos, acelera a terapia e diminue o esforzo necesario para facela, pero precisa igualmente de esforzo por parte do paciente, que debe implicarse activamente no tratamento se quere beneficiarse deste.
Unha vez que xa temos unha idea do que viría a ser a hipnose, ímonos centrar nos eidos de aplicación da mesma, naquelas áreas que aportaron evidencia empírica sobre a súa efectividade.
– Analxesia hipnoticamente inducida.
– Hipnose en mediciña:
- Para aliviar a ansiedade relacionada coas intervencións cirúrxicas.
- En gastroenteroloxía para o tratamento do colon irritable.
- Trastornos respiratorios; en obstreticia para facilitar o parto e reducir o uso de medicación e analxésicos durante o mesmo.
- En fertilización artificial para favorecer o proceso.
- Tratamento de condicións dermatolóxicas (eczemas, itiose, psoriase).
- En oncoloxía como ferramenta para manexar a dor.
– A hipnose no eido psicoterapéutico:
- Tratamento do tabaquismo
- Tratamento da ansiedade
- Tratamento da obesidade
- Tratamento de fobias
- Imsomnio
- Estrés
- TOC
- Fibromialxias
- Mellora da concentración
- Dor crónica
- Tratamento do estrés post-traumático
Anímaste a considerar os beneficios da hipnose e como unha opción para mellorar o teu benestar? Se te enfrontas a situacións de dor, ansiedade, estrés ou calquera outra condición mencionada, a hipnose podería ser unha ferramenta complementaria para a túa saúde mental e física.
Xúrdenche dúbidas? Pregúntanos.