Neste documental podedes ver unha mostra das liñas de investigación que se están a seguir na área da xenética. Amósanse diferentes estudos onde se evidencia a pegada xenética que deixan certos acontecementos estresantes e como esa pegada é susceptible de transmitirse aos descendentes.
Entre outros, preséntanse estudos que demostran a herdanza de altos niveis de cortisol nos descendentes de persoas que estiveron en campos de exterminio nazis e como estes provocan respostas máis intensas do agardado ante determinados estímulos estresantes.
Nós, como psicoterapeutas e especialistas da adopción, comezamos a xerar numerosas hipóteses ás que nos gustaría que a ciencia dese resposta. Hipóteses vencelladas ao mundo da adopción e que, de ser corroboradas, permitirían crear novas liñas de traballo para axudar ás persoas adoptadas que presentan dificultades.
Entre as preguntas que nos suscitan estes estudos estarían as seguintes:
- De ser certo que herdamos experiencias dos nosos proxenitores; que tipo de tratamentos nos permitirían traballar cos herdeiros para liberalos dos “traumas” vividos polos seus antergos?.
- Dita posible herdanza podería ser a causa dos bloqueos emocionais que experimentan moitas persoas adoptadas e que lles impiden desenvolverse satisfactoriamente nalgunhas das áreas da súa vida?
- Cal é o alcance desta herdanza?