A resposta, claramente, é sí.
¿Dende cando?, dende o “minuto cero” e as razóns son as seguintes:
Os nenos, nas súas idades máis temperás, non coñecen as normas que rixen a sociedade na que van ter que vivir, non adquiriron aínda o autocontrol sobre as súas emocións, ademais de non ter conciencia das consecuencias de cada un dos seus actos. Isto fai que se movan por impulsos que van dirixidos á satisfacción das súas necesidades primarias; non nacen coa capacidade de tolerar a espera e a frustración, polo que é importante que os pais (ou a figura de referencia en cada caso) se encarguen de exercitala co seu fillo.
Nós, coma adultos, temos que facernos responsables de axudarlles en dito aprendizaxe, o cal será vital non só para darlles a coñecer o mundo que lles rodea e as regras deste, senón tamén para a súa supervivencia, no senso de que facilitará enormemente a súa futura integración no seu contorno familiar e social.
Para acadar o que acabamos de citar nos puntos anteriores, a mellor ferramenta son os límites. O primeiro e principal responsable de transmitirllos é o adulto que se encarga da educación do neno; ¿como facelo?: tendo pautas e normas concretas que sempre se anuncian e sempre se cumpren. No caso de que o neno se resista a cumprir algunha delas, hai que anunciarlle as consecuencias de non cumprila e estas teñen que executarse (por exemplo: “quedaraste sen…”).
É de gran importancia o cumprimento das consecuencias que se anunciaron, xa que o contrario, provocaría incertidume no neno e restaríalle autoridade aos seus pais.
Outra boa ferramenta é, en ocasións, xa sexa porque ten que ser así, ou porque se fai “a propósito”, non concederlle aquelo que pide de xeito inmediato, senón “facéndolle agardar” un tempo prudencial e posibilitando que aprendan a gañar e a perder nos xogos; isto contribuirá a exercitar a súa tolerancia á frustración. Marcar límites tamén consiste en propiciar que vaian interiorizando o valor das cousas e que é preciso esforzarse para acadalas, xa que, do contrario, poden chegar a interpretar os privilexios coma obrigas por parte dos adultos que os rodean. Ter que gañarse os privilexios os introducirá na cultura do esforzo e da superación persoal, o cal vai desenvolver neles a capacidade de desfrute, a motivación e a proactividade (capacidade para anticiparse aos problemas e necesidades futuras, así como de ter iniciativa), o que trae consigo unha autoestima e un autoconcepto sans.
Un neno non pode poñerse límites a si mesmo, polo que, insistimos, é responsabilidade dos seus pais marcarllos. Isto axudará a que o seu fillo chegue a ser un adulto dono dos seus actos e con capacidade de autocontrol, é dicir, LIBRE.