A ansiedade, ou os síntomas desta, son cada vez máis comúns. Os profesionais da psicoloxía, comprobamos como o número de persoas que acode aos nosos centros expresando que se sinten ansiosos ou anguriados, é cada vez maior. Algunhas destas persoas, identifican de xeito doado o posible foco da súa anguria, pero outras, non atopan razón aparente e non sabe como controlar a ansiedade.
O caso é que os síntomas de anguria ou de ansiedade, están interferindo e dificultando en gran medida a vida cotiá e polo tanto, o benestar de moitas persoas. Na actualidade, cada vez, esíxesenos máis; podería dicirse que, en xeral, os seres humanos teñen que ter un comportamento sempre “correcto” e un alto nivel de rendemento, non só no eido laboral, senón tamén no social, no familiar e no afectivo ou de parella.
Non debe estrañarnos o anterior, xa que, desgraciadamente, non é máis que o reflexo dunha sociedade materialista, centrada na productividade ou nos resultados, acelerada e dominada en gran medida polas novas tecnoloxías, que van adquirindo cada vez máis protagonismo, en detrimento das persoas, quedando así as características humanas relegadas a un segundo plano e todo o que teña que ver con elas tamén: as emocións, os cambios de humor, as inseguridades, a fatiga física o psíquica, etc… cada vez máis, a sociedade demándanos que nos comportemos coma autómatas e cada vez máis, dende a inconsciencia, nós facémolo.
Chega un intre no que o feito de tentar dar resposta a todas esas demandas excesivas, irreais e que desbordan a nosa “humanidade“, remata por pasarlle factura ao noso corpo e á nosa psique. O noso organismo, sempre sabio, avísanos ao seu xeito de que conviría baixar o ritmo, de que o estamos a “poñer ao límite”; e, cómo o fai?: a través de síntomas, como poden ser os que caracterizan ás crisis de ansiedade: incremento do ritmo cardíaco, dificultades para respirar, sudoración, tremores, sensación de pánico, etc.
É lóxico, polo tanto, que a mellor e máis rápida solución para que eses síntomas tan incómodos cesen, sexa parar ou, se isto non é posible, minorar o ritmo; non só o ritmo físico, senón o ritmo dos nosos pensamentos e da nosa vida en xeral. Ninguén di que isto sexa tarefa doada, por suposto, xa que hai unha serie de compromisos (familiares, laborais, etc) que o dificultan, pero sí que está nas nosas mans realizar pequenos cambios que contribúan a instaurar novas rutinas na nosa vida; rutinas que rematarán convertíndose en hábitos saudables, en auténtica hixiene mental.
Cáles poderían ser algunhas desas rutinas?; por exemplo:
– Erguerse cada mañá, verbalizando unha frase positiva, do tipo: “hoxe vai ser/hoxe terei un bo día”.
– En calquera intre do día, aproveitar unha pequena pausa, aínda que sexa de 10 ó 15 minutos, para facer algo que nos relaxe ou nos resulte pracenteiro: ler, escoitar un pouco de música, darnos unha pequena masaxe (mans, pernas, pés), contemplar unha paisaxe, etc.
– Non responsabilizarnos ou botarnos ás nosas costas cousas ou asuntos que non nos incumben ou que non están nas nosas mans; o máis axeitado, é tratar de resolver/mellorar aquelo que depende de nós e aceptar ou “soltar” o que non está baixo o noso control; o contrario só xenera frustración, ansiedade e indefensión.
– Adquirir o costume de “darlle a volta” a tódolos pensamentos negativos que aparezan na nosa mente, converténdoos en positivos, na medida do posible.
– Ao remate do día, tras concluír as nosas obrigas e a nosa xornada laboral, procurar un lugar tranquilo, no que podamos permanecer completamente sós, en silencio e cunha luz moi suave ou mesmo a escuras; isto “desenchúfanos” e axúdanos a calmar a mente.
– Cada noite, ao irnos á cama, facer un repaso mental do que fixemos ou do que nos aconteceu ao longo do día, centrándonos, únicamente, nas cousas bonitas, agradables ou positivas; verás como cada día sempre atopas algunha.