Pode resultar un tópico, pero é certo que “os tempos cambiaron” e fixérono a diferentes niveis: afectivo, familiar, laboral, social, etc, de xeito que podería dicirse que o estilo de vida da humanidade actual, pouco ou nada ten que ver co que tiñan os nosos ancestros.
Todo, ou case todo, transformouse: o mercado laboral, é cada vez máis precario e inestable, xerando así grandes angurias e frustracións; quen non ten un emprego síntese fatal por elo e quen o ten, en moitas ocasións, vése na obriga de afrontar xornadas maratonianas e con excesos de traballo por medo a perdelo. As relacións familiares e de parella tamén cambiaron, en gran parte polos cambios sufridos no mercado laboral; é moi complexo formar e manter unha familia se non se ten un traballo estable e no caso de quen o ten, é complicado chegar ao fogar esgotado, tras un duro e intenso día de traballo e ter a serenidade e a paciencia suficientes para ofrecerlle á parella ou aos fillos a comprensión e o calor que esta/estos precisan. Por outro lado, no que respecta ás relacións sociais, estas tamén se modificaron substancialmente, xa que a nosa sociedade voltouse cada máis individualista e ademais, en gran medida, as novas tecnoloxías propician as actividades de lecer en solitario.
A partires do anterior, é doado chegar á conclusión de que, en xeral, a vida da humanidade do século XXI é todo menos tranquila e relaxada. Así, non debe estrañarnos que o estrés (xunto á ansiedade e á depresión), sexa un dos grandes males que nos azoutan, provocándonos un gran sufrimento. Pero tamén é certo que, o feito de ter coñecemento disto, ten que ser un acicate para centrarnos na prevención, ou se esta xa non é posible, no afrontamento.
Problemas relacionados co estrés
O estrés, ademais de xerar un gran malestar psicolóxico, se é elevado e sostido no tempo, pode incrementar as probabilidades de padecer diabetes, diferentes patoloxías cardíacas, así coma o risco de ter tensión arterial alta; por elo, é importante que teñamos claras unhas cantas pautas que nos axuden a previlo, ou a reducilo, se é que xa apareceu.
Consellos para o estrés
- A hixiene do sono e a regularidade dos horarios propician estabilidade física e mental: aínda que sabemos que non é doado, na medida do posible, trata de que os teus horarios para erguerte e deitarte e as diferentes comidas diarias, sexan aproximadamente á mesma hora; faraslle un gran favor aos teus bioritmos e o teu corpo irase “preparando” para a actividade que corresponda en cada intre.
- Realiza exercicio moderado habitualmente, xa que permite liberar tensións, por mor de que estimula a secreción de endorfinas; cada persoa debe atopar o exercicio que mellor se adapte a ela e ás súas circunstancias; non sería práctico realizar un deporte que te frustre ou te aburra.
- O control da respiración é esencial para calmarnos, polo que prácticas como a relaxación ou a meditación, son moi positivas.
- As actividades lúdicas, pracenteiras ou divertidas realizadas diariamente reláxannos, alimentan a nosa autoestima, proporciónannos ledicia e motivación; non penses que isto é complicado; non tes porque procurar actividades longas, nin que impliquen desprazamentos, nin gastos, é cuestión de botarlle un pouco de imaxinación. Mentres damos un paseo, podemos ir charlando con outra persoa sobre un tema ameno e divertido; podes chegar a casa de traballar e darte unha masaxe de 10 minutos nas mans ou nos pes; podes escoitar música que che guste mentres vas no coche, etc. O fundamental é incorporar estas “mini-pílulas” de ledicia á túa vida cotiá; resiste o esforzo de procurar 10 minutos cada día, durante varios días, para tomarte a túa “mini-pílula” e ao cabo de moi pouco tempo comprobarás como atopas eses intres pracenteiros sen esforzo.
- É innegable que, moitas veces, non podemos evitar o foco estresor (por exemplo, se é o posto de traballo), pero o que sí podemos facer é enfocar esa mesma situación dunha maneira diferente, máis levadeira. Trátase de ocuparnos e de resolver aquelo que podemos resolver, é dicir, que está nas nosas mans; no que respecta ao que non depende de nós, non paga a pena malgastar tempo, enerxía e polo tanto, saúde, en darlle voltas. Comeza afrontando e solventando pequenas cousas, para despois ocuparte de asuntos de maior magnitude, ¿por que?, porque as cousas pequenas son doadas de solucionar e así, progresivamente, irás adquirindo máis seguridade e motivación para poder ocuparte de cousas máis complexas. Tamén, pola mesma razón, é moi útil que te marques obxetivos pequenos e a curto prazo, o que te irá proporcionando satisfacción persoal.
- Resolve o que podas resolver e acepta aquelo que non depende de ti; sorprenderache a nova visión dos acontecementos que te aporta o feito de aceptar unha situación ou circunstancia; a aceptación dá serenidade e esta claridade mental, o cal abre a porta a novas opcións, que probablemente antes non contemplases.
E finalmente, lembra o valor da constancia!: as accións repetidas con regularidade crean rutinas, as rutinas crean hábitos e estes permiten que actividades que nos custaría moitísimo realizar, precisamente por estar interiorizadas, é dicir, incorporadas coma un hábito máis nas nosas vidas cotiás, nos resulten doadas e amenas; así, enfoca as pautas anteriores coma un adestramento que nos axudará a saber como combater o estrés e te fortalecerá física e psíquicamente para prantarlle cara.