Cando sentei a reflexionar para escribir una serie de recomendacións que seguir para poder adaptarnos ás circunstancias nas que nos atopamos agora mesmo, o primeiro que pasou polo meu maxín, foi o feito de que todo o mundo, uns dende o sentido do humor, outros dende a anguria que supón non poder saír da casa, fala de “sobrevivir”.
Sobrevivir é o que fan os milleiros de persoas que están a vivir guerras nas que as bombas caen sobre as súas casas diariamente; sobrevivir é estar nun campo de refuxiados do que non sabes se vas poder saír algún día; é non ter alimentos, nin para ti nin para os teus; sobrevivir é o que está a facer o persoal sanitario nos hospitais do mundo para combater ao Covid-19; sobrevivir é o que fan os pacientes que están moi enfermos e para os que non hai recursos para atendelos ou as súas enfermidades non teñen cura. Nós, o groso da poboación, o único que estamos a facer, é vivir baixo medidas de prevención para evitar una catástrofe mundial.
É importante centrarnos e reencadrar a situación que temos. Certamente, non é doada; para algunhas persoas, implica caer aínda máis profundo no pozo no que xa estaban: sen fogar, sen familia; mais para outras, non é algo terrible que non se poida soportar, xa que ao fin e ao cabo, estamos nas nosas casas, uns coa súa familia, outros con amigos, outros sós, pero coas despensas cheas e moreas de actividades que facer, en moitos casos con conexión a internet e polo tanto, con miles de oportunidades de entretemento online.
Quen nos ía a dicir a nós, o “primeiro mundo”, que íamos vivir algo así?; algo tan semellante ás películas americanas apocalípticas que emiten despois de xantar?. Ninguén, claro. A falacia do control no que vivíamos, a seguridade de que todo vai ir segundo a nosa planificación, deunos nas narices; porque non, non podemos controlar nada e esa é una das grandezas da vida, que nunca para de sorprendernos, ás veces para ben e outras,… quen sabe?, igual tamén para ben, aínda que no primeiro momento semelle que non.
O ser humano precisa de retos para medrar, para reinventarse; no ilusorio confort dunha vida perfectamente planificada, sistemática e carente de novidades o único que estabamos a facer era acomodarnos nesas vidas non de todo apaixoantes, mais sí cómodas, incluso relativamente doadas, nas que a meirande parte das cousas estaban previstas e non había que facer grandes esforzos. E o peor non é iso, o máis preocupante, é ver como día tras día, pasan polo noso centro seres humanos alienados, tristes, sen ilusións, sen ganas de loitar, de vivir, de comerse o mundo, de vivir experiencias, de crear un mundo mellor, ou se cadra, un mundo simplemente diferente.
Podería escribir unha listaxe de recomendacións, coma esas que ides atopar en calquera páxina da rede de redes; mais penso que o mellor consello que podo dar é que deixemos de pensar que somos uns desafortunados e que comecemos a pensar que cada día que vivimos é un agasallo, que o que estamos a vivir é una oportunidade de cambiar a nosa realidade, ou aquelas cousas que non nos gustan dela, que somos afortunados porque o mundo apéase do desenfreo no que vivíamos, para que nos centremos no que verdadeiramente importa. Que a vida nos está a dar a oportunidade de facer una introspección, de vernos a nós mesmos, para que nos preguntemos se estamos a vivir consonte aos nosos desexos, se estamos a ser coherentes con nós mesmos e non estamos, simplemente, a seguir a corrente que nos arrastra ferozmente ao mundo das présas, do consumismo, do superficial, do aparente, do inmediato. Agora temos a oportunidade de comezar a facer eses proxectos pendentes que nunca viron a luz e están soterrados nos nosos soños; agora temos o tempo que precisábamos para compartir en familia, para falar, para escoitar e ser escoitados; agora temos un mundo de infinidade por diante para que reorientemos as nosas vidas… Todo grazas a un virus que nos está a obrigar a facer una viaxe cara ao noso interior, que sen decatarnos foise baleirando pouco a pouco, día a día, para converternos nunha sociedade de autómatas, materialista e aparente. O virus está voltando a sacar de nós a solidariedade, o compromiso, a responsabilidade,…, en definitiva, a humanidade.
Mala sorte ou boa sorte?. Quen sabe…Igual vai depender de nós, do que cada un constrúa con esta situación que nos está tocando vivir. Haberá, desgraciadamente, vítimas inocentes, tamén vítimas conscientes e agardo, moitos RESILIENTES.
Desexo tamén, que cada un de nós enchamos o noso tempo e non que, simplemente, “pasemos” o tempo.
Se queres máis información sobre o encerro, escoita á nosa compañeira Magadalena Otero en Radio Redondela, facendo clic aquí.