This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.
Adopción
"Por que temos que ser todos iguais?; Por que temos que facer todos o mesmo, do mesmo xeito, cumprindo co que se agarda de nós?; Por que nos desgastamos intentando responder aos patróns pre-establecidos?; Por que nos empeñamos en que só hai unha solución posible para cada problema?... Nesta foto todo é diferente: ningún prato é igual, ningún vaso é igual, ...pero non por iso deixan de cumprir a súa función"
A adopción non é máis que un xeito de denominar a unha das diferentes vías que hoxe en día existen para crear unha familia, xunto con outras como a maternidade/paternidade biolóxica, a subrogada, a inseminación artificial, etc.
Os múltiples modelos de familias que se poden formar, necesitan que se entenda á familia como un sistema social que tería que ser, por definición, funcional para os seus membros e isto implica escapar dos ideais de familia e dos estereotipos que sinalan, encorsetan e etiquetan ás persoas e ás súas vidas, impoñéndolles crenzas e modelos de funcionamento que non lles permiten medrar e desenvolverse como individuos e membros dunha familia, e que mesmo lles poden levar a interpretar negativamente aspectos que son naturais.
Todas as familias pasan por diferentes etapas e en cada unha delas xorden crises que, cando se superan, permiten aos seus membros avanzar como sistema e comezar unha nova etapa.
A pesares de que cada vez as familias son máis variadas, a adopción segue sendo unha opción minoritaria á hora de ser pai/nai e por tanto, moitas veces non conta coa suficiente aceptación e comprensión por parte do contorno e a sociedade; tamén existen menos recursos destinados a ela, menos información, menos formación e asemade, menos certezas sobre como vivila e afrontar os retos que poidan acontecer.
En PARADOXO sabemos que todas as familias son diferentes, e no caso das adoptivas preséntanse unha serie de características, propias e comúns entre elas, respecto das non adoptivas, que van facer que nalgúns casos, exercer a función de pai/nai presente un plus de dificultade.
Tras traballar durante oito anos con familias adoptivas, sabemos que a adopción é unha aventura apaixoante e que aquelas persoas con maior capacidade de adaptación, son aquelas que máis gozan deste periplo. Pero toda aventura está ligada á existencia de desafíos, desafíos que, coa axuda do profesional axeitado, pódense superar exitosamente.
Como profesionais da adopción traballamos dende o respecto e o coñecemento da realidade adoptiva, sabendo cales son as necesidades, inquedanzas e sensibilidades que as familias adoptivas traen a consulta, para así poderlles ofrecer unha proposta útil que lles axude a superar as dificultades que poidan estar a vivir nun momento determinado, sen sentirse xulgados, sinalados ou avergoñados, porque as súas circunstancias vitais son diferentes.
Nestes anos de experiencia laboral puidemos ver como, os pais/nais adoptivos/as que coñecemos, na súa función de pais/nais chegan a converterse en superheroes capaces das máis variadas proezas:
- Proporcionando afecto.
- Comprensión.
- Dialogando.
- Estando dispoñibles e valorando os progresos.
- Con actitude cálida, próxima, de escoita, poñendo límites razoables aínda que sexan contestados con provocación unha e outra vez.
- Aceptando e querendo ao seu fillo/a tal e como é.
- Ofrecéndolle un ambiente seguro e que aplaque as ansiedades.
- Dando respostas estables e coherentes, mantendo unha actitude serena e firme.
- Mantendo sempre o sentido do humor, desdramatizando e tratando de relativizar as situacións de conflito.
- Soportando o sufrimento que supón o abandono, sendo quenes de reparar e axudar a medrar ao seu fillo/a dende a súa dor.
- Estando alerta a cada sinal que emite o seu fillo/a para comprender as condutas deste/a.
- Axudándolle a expresar as súas necesidades.
- Evitando a sobreprotección ou a tolerancia mal entendida, para educar na responsabilidade.
- Traballando a aceptación da diferenza, non impoñendo modelos, respectando a súa individualidade.
E todo isto, sen axuda dun manual.
Pero sobre todo, durante estes anos, puidemos ver a nenos e nenas marabillosos/as, que son quen de ser felices e de facer felices aos que lles rodean, en especial aos seus pais, superándose e facéndose máis fortes tras a adversidade.
Talleres e cursos realizados por Paradoxo:
O pasado día 17 de abril, en Santiago de Compostela, Magdalena Otero Martínez (colx.: G-3640) impartiu un obradoiro sobre “Violencia Filio-Parental” para a “Asociación Manaia”. Dito obradoiro estivo dirixido a familias adoptivas, concretándose na realidade diaria destes pais/nais e ofrecéndolles ferramentas prácticas para, fundamentalmente, a prevención e tamén a abordaxe desta problemática familiar. O xornal “La Voz de Galicia” realizoulle unha entrevista que poderedes ler no seguinte enlace: Atallar a violencia filio-parental require traballar con toda a familia
Medios de comunicación que falan de nós:
Vigo al minuto: Para que o neno chegue cun pan debaixo do brazo
Televisión de Galicia: Falámolo: Familias de adopción
Diario de Pontevedra: Reportaxe: Fillos do amor e a paciencia
A Radio de Pontevedra Viva: Reportaxe: Conversas na Ferrería: Aprendamos sobre adopción
"TODA PREOCUPACIÓN TEN DIVERSAS SOLUCIÓNS. CHÁMANOS E AXUDAMOSCHE A ATOPAR A MÁIS AXEITADA PARA TI".