Primeiro, coa posibilidade de que os menores de 14 anos puideran comezar a saír á rúa e a continuación, tras o inicio da chamada “desescalada” despois todo este período de confinamento por mor da pandemia causada polo coronavirus, moitos pais e nais ficaron sorprendidos e incluso consultaron con profesionais da psicoloxía, ao comprobar como os seus fillos, despois de tanto tempo confinados no seu domicilio e preguntándolles, reiteradamente, cando poderían saír á rúa, chegado o tan ansiado día, algúns deles non querían saír e outros, saíron con reticencias e tensos, desexando voltar a casa.
Algo semellante se observa desde que comezaron a permitirse os paseos e as actividades deportivas individuais ao aire libre en determinadas franxas horarias. Houbo persoas que decidiron non saír, simplemente, porque o consideraron precipitado e optaron por agardar uns días máis; pero noutros casos, a decisión de continuar un tempo máis confinado, non se tomou dende a consciencia e deliberadamente, senón dende o medo ou incluso o pánico ao posible contaxio do COVID-19. É dicir, houbo xente que decidiu non saír aínda, pero houbo outra (e non é pouca) que non foi quen de saír e ese “non ser quen” é o que xenera impotencia e frustración, a maiores da que xa se sinte nunha situación de pandemia.
Dende PARADOXO queremos que coñezades dabondo este proceso, para así poder xestionar os posibles síntomas que podades sentir do mellor xeito posible, en definitiva, aforrándovos sufrimento.
Cando loitamos contra algo que non depende de nós, esa loita encarnizada o único que provoca e desgaste, indefensión, sentimentos de ineficacia, etc, é dicir, uns pensamentos, emocións e sensacións que contribúen a incrementar as probabilidades de caer nunha depresión, unha fobia, na ansiedade,…Nembargantes, se entendemos e asumimos que esa incertidume e inseguridade que estamos a sentir e natural tras todo este tempo de confinamento e sabendo que a batalla ao coronavirus aínda non está gañada, automáticamente, o medo perde potencia.
A nosa mente e o noso corpo, interiorizaron que o noso fogar é un lugar seguro, ou o máis seguro, mentres o COVID-19 esté ahí. Quen máis e quen menos xa tiña unha serie de ferramentas ou estratexias para sobrelevar este período de reclusión e agora atopámonos con que hai que modificar ditas estratexias, introducindo outras novas ata que “aprendamos” a “sobrevivir” fóra da casa. Durante este primeiro período de aprendizaxe, é natural que as persoas traspasen, a cotío, a liña entre a atención e a hipervixianza, a prevención e a obsesión, xa que o medo adoita provocar un pensamento dicotómico; todo é “ou branco ou negro”; escápanse os matices. É por isto que as persoas que mellor e máis rápido transitarán por esta primeira fase da “desescalada” serán as máis flexibles e as máis pacientes consigo mesmas e coas súas reaccións.
Flexibilidade implica aceptarnos, a nós e ás nosas circunstancias; implica saír á rúa porque así o decidimos, con consciencia, cun propósito definido, non saír só “porque toca” e implica tamén, darse permiso para, se acabamos de saír da casa e sentimos que xa queremos voltar, facelo dende a liberdade e sin sentimentos de culpabilidade.
Todas as transicións teñen que ser progresivas. Dentro deste ambiente tan cambiante, dende o comezo da pandemia, iníciase unha nova fase, persoal e social, que requerirá, unha vez máis, integrarnos no novo contexto que se nos presenta.
Fronte a esta realidade de hipervixianza e sobreprudencia, tamén estamos a atopar os casos diametralmente contrarios, nos que a xente está a ser totalmente irresponsable e temeraria. Cando unha situación é demasiado forte para nós e nos supera, as reaccións poden ser imprevisibles e totalmente polarizadas; mentres uns xeran medo ao descoñecido e se protexen e protexen aos demais, despregando unha gran conciencia cidadá, outros, optan por desentenderse, tomando unha actitude irresponsable e pouco respectuosa para con eles e cos demais. Esta segunda conduta tamén constitúe un xeito de protección, mirar cara outro lado e negar a realidade, é un xeito de sobrevivir a unhas circunstancias demasiado hostís para as que non todos estamos preparados. Ás veces resulta moi doado xulgar aos demais e deixarnos levar pola indignación, totalmente comprensible nestes momentos, mais hai que ter en conta que a belixerancia contra estas persoas non vai facer máis que reforzar as súas condutas inaxeitadas. E queremos facer fincapé neste aspecto, dado que as situacións de confinamento están a xerar moita irascibilidade, ata o punto de que estamos a presenciar incluso pelexas nas rúas por motivos totalmente absurdos. Cando os medios de comunicación nos preguntaban aos profesionais da psicoloxía, ao principio do confinamento, como podería chegar a afectar esta situación, ningún de nós queríamos imaxinar que a violencia e a falta de control puidese chegar ata estes extremos. Pero é evidente, que o medo, a impotencia e a incertidume, social, económica, laboral e en definitiva, vital, está a provocar reaccións que dificultan máis aínda a convivencia, reforzando ditos medos.
Van ser tempos convulsos, de cambios e incertezas constantes. Dende PARADOXO, querémosvos transmitir a importancia que ten concienciarnos todos e aceptar o momento presente, evitando os extremos (sin obsesionarnos, nin desentendernos), identificando o que sí está nas nosas máns e aquelo no que podemos colaborar, así como o que non depende de nós; facéndonos moito máis tolerantes á frustación e máis flexibles, enfocándonos en cada día (que circunstancias temos e que podemos facer), pero sen grandes expectativas e proxectos.
En ciscunstancias hostís, ten máis posibilidades de “sobrevivir” o que máis capacidade ten de “adaptarse” ao medio, o cal non implica para nada perder de vista a opinión propia nin o espírito crítico.