Centro de Psicología en Vigo y Redondela - Rexistro de Centros Sanitarios da Consellería de Sanidade: C-36-003028 y C-36-002157 paradoxo@paradoxo.es
(+34) 986 400 426

A violencia dos fillos contra os pais

Problemas en la adolescencia | Paradoxo

A cotío nos atopamos con familias que se relacionan a través da violencia. Moitos destes rapaces, a maioría adolescentes, insultan, faltan ao respecto aos seus pais/nais e incluso en moitos dos casos chegan á agresión física. Estes pais/nais, insisten na estratexia ineficaz da repetición, convencidos de que a través do monólogo (empregamos o termo “monólogo”, porque para que fose un diálogo terían que falar ambas partes) van mellorar a actitude do seu fillo ou solucionar a situación conflitiva, cando así o único que fan, é cronificar e agravar situacións insostibles. En moitas ocasións, esas reaccións violentas transmiten unha mensaxe de fondo do fillo que é algo así como: “reacciona, ponme límites, písote porque me deixas, non  podo respectar a alguén que se deixa ningunear así, que se rebaixa ao meu nivel, necesito a un adulto que me marque pautas e que sexa quen de facelas cumprir…”. Cando un pai permite, dun xeito ou doutro, que o seu fillo o maltrate, estalle enviando a mensaxe implícita de que non é digno de respecto.

O respecto hai que gañalo. Se ben é certo que cada fillo é un mundo e que as pautas educativas que funcionan con un non funcionan con outro; tamén é verdade que hai rapaces máis “revoltosos” ou rebeldes que outros, pero, o que non é certo, é que repetindo duascentas veces o mesmo discurso vaiamos a acadar educar a ninguén. Os propios animais, sen capacidade de raciocinio, son quenes de marcar límites de xeito claro e contundente; nunca unha cría se atrevería a atacar á súa nai. Por exemplo, nos galiñeiros, as xerarquías están moi claras e ao que intenta saltalas, se lle resposta con contundencia e de inmediato, deixándolle claro “quen manda”. Resaltamos estas dúas palabras (contundencia e de inmediato), porque son claves á hora de marcar límites e, polo tanto, de educar.

Está claro, que só marcando límites non se pode educar a unha persoa de forma axeitada, isto só é o punto de partida, a base sobre a que asentar todo o demais. Para poder educar debemos ter autoridade moral sobre a persoa a educar; se non acadamos o respecto do educando,  dificilmente imos  poder servirlle de guía no seu proceso de aprendizaxe.

Consentir conleva criar futuros adultos sen tolerancia á frustración, persoas caprichosas que aprenderon que cada vez que patexan acadan o que queren (primeiro patexando, logo berrando, logo insultando, logo empuxando,… para rematar pegando). Cada vez que se cede a unha chantaxe deste tipo, a mensaxe que lles estamos a enviar aos/ás rapaces/as é que as cousas se acadan pola forza e insistindo; rematan aprendendo que persistindo conseguen o que pretendían, sexan “chuches”,  o móbil, ou o que sexa; “cando se cansen de escoitarme xa mo darán” (este sería o pensamento do/da rapaz/a en cuestión). Nembargantes, os que teñen que desistir son eles e os que non se poden permitir o luxo de ceder son os pais/nais ou os educadores/as, xa que están a formar persoas que teñen que ser libres, autónomas, con habilidades sociais, afectuosas, persoas sás e autorealizadas; é dicir: o obxectivo son eles, a súa formación como persoas.

Cada vez que se enfadan ou collen unha rabieta e por iso se lles da o que piden, xa sexa por vergoña, ou por non discutir, ou por non enfrontarse, ou por medo ao “que dirán os veciños” se teño que ser eu o que levante a voz para que se cumpra unha orde, ou por cansanzo, porque é cansado educar, estamos perdendo unha batalla na que as consecuencias as vai  pagar o/a noso/a fillo/a. Quen non ten límites é un ser alienado, un ser que está fora de si mesmo, alguén escravo das súas necesidades primarias, un sufridor que non é que de gozar de nada nin de valorar nada, en definitiva, un desgraciado.

Para poder educar a un fillo no diálogo, primeiro hai que ensinarlle que son os límites, o respecto, a humildade, o esforzo. Logo, ante esta persoa sensible, empática, razoable, poderemos traballar o razoamento, os valores, os principios e aquí, chegados a este punto, sí poderemos dialogar, porque xa teremos ante nós a unha persoa que nos resposte.

Pero para chegar a isto, hai que partir do concreto, hai que ser firmes, agarimosos, flexibles ás veces, outras inflexibles e sobre todo saber escoitar, á persoa que temos fronte a nós e a nós mesmos.