A sociedade actual, caracterizada polas présas, os horarios axustados e as extensas xornadas laborais, pode levar ás persoas, case sen decatarse, a verse inmersas nesa roda trepidante, na que se prioriza o aparentemente útil, práctico e rendible, relegando a un plano secundario, eidos e materias de carácter máis abstracto, que abordan aspectos de tipo humano, espiritual, artístico, etc.
Disciplinas como a psicoloxía e a filosofía (nas que poderiamos englobar aspectos como a Educación Emocional, Sexual e Sentimental; a Educación en Valores); como a arte en todas as súas expresións, a creatividade, etc, a moitas familias pódelles parecer que teñen menor importancia na educación dos seus fillos/as, no senso de que cren que son menos prácticas para a vida cotiá destes ou para labrarse o seu futuro profesional, pero a realidade é que ditas disciplinas son tan importantes como as denominadas, nos curriculums escolares, como “materias instrumentais” e a súa práctica e estudio contribúen de xeito innegable ao san desenvolvemento dos/as nenos/as.
No caso da creatividade, que é o que abordamos neste artigo, sábese que a estimulación e a abordaxe desta en calquera contexto, xa sexa escolar, familiar, social, etc, ten numerosos beneficios en diferentes aspectos do desenvolvemento infantil, tanto a nivel intelectual, como emocional, social, etc. A continuación, imos profundizar en cada un deles:
- A estimulación da creatividade potencia o pensamento abstracto e a capacidade de resolución de problemas; a medida que a creatividade do neno ou nena aumenta, a súa imaxinación tamén é maior, o que lle permitirá, ante problemas ou situacións conflitivas, plantexarse opcións e respostas alternativas ás máis comúns, polo que poderá resolver con máis facilidade, máis rapidez e eficacia, coa satisfacción persoal que isto conleva.
- A creatividade tamén favorece o coñecemento dun mesmo e polo tanto, unha maior conexión do neno/a consigo mesmo e co seu mundo interior; isto, entroncado co comentado no punto anterior respecto do afrontamento dos problemas, repercute dun xeito moi positivo na súa autoestima, fortalecéndoa.
- Ademais, as actividades creativas e que aborden a estimulación da creatividade, contribúen ao desenvolvemento da empatía (capacidade de poñerse no lugar do outro), así como ao manexo construtivo das propias emocións e á expresión destas; deste xeito, refórzanse tamén as habilidades sociais do/a menor, o cal lle dará maior seguridade e satisfacción nas relacións cos seus iguais.
Todos estes aspectos tan positivos que ten o desenvolvemento da creatividade na vida presente e futura dos/as nenos/as, tería que levarnos a unha reflexión que, finalmente, nos conduza a introducir a creatividade na nosa vida cotiá e a fomentala nos nosos/as fillos/as, de xeito que constitúa unha actividade máis na dinámica familiar.