É probable que aínda non te pararas a pensar no que significa o termo “aceptación”; non só no seu significado propiamente dito, definido polo Dicionario da “Real Academia de la Lengua Española” (RAE) como: “Recibir voluntariamente o sin oposición lo que se da, ofrece o encarga”; “Aprobar, dar por bueno, acceder a algo”; “Recibir o dar entrada”; senón indo máis alá, facendo unha reflexión profunda sobre as súas implicacións e o seu alcance.
Moita xente, trabuca “aceptación” con “resignación”; de feito, en máis dunha ocasión, os terapeutas temos escoitado dicir a algunhas persoas, en terapia, tras falarlles da importancia de que acepten as circunstancias que teñen nun intre concreto da súa vida, que, se o fixesen, estarían “tirando a toalla”; nada máis lonxe da realidade…A aceptación non só non ten nada que ver coa renuncia nin coa resignación, ámbalas dúas cunha connotación negativa, senón que constitúe unha actitude positiva e ademais, se nos “mergullamos” nas filosofías orientais (hinduismo, budismo, taoísmo, etc), descubriremos que é algo moito máis profundo, cun importante significado a nivel espiritual.
Se voltamos á definición da RAE, vemos como se asocia a aceptación con aspectos coma o “recibir”, “sen oposición”, “acceder a algo”,…todos eles positivos. É certo que é humano e comprensible que, cando as cousas non marchan ben, cando estamos nunha desas etapas nas que semella que todo se volta do revés ou as preocupacións se xuntan, ou cando un gran disgusto nos impacta, nos invada a rabia, a impotencia e amosemos reaccións de rebeldía e incluso de agresividade. Dende o punto de vista da lóxica, é natural que, se algo nos atafega ou nos provoca dor, tratemos de loitar contra elo, rebelándonos, tentando evitalo ou esforzándonos porque todo se remate o antes posible. O problema, é que esta actitude, por moi lóxica que sexa, non fai máis que agravar a nosa vivencia do problema en cuestión, provocándonos aínda máis sufrimento e un gran desgaste físico e emocional.
Por sorprendente que pareza, ¿que sería o máis beneficioso?: ACEPTAR.
Aceptar na súa totalidade ese problema ou circunstancias adversas, ata que se resolvan dun xeito ou outro. Por suposto que non é doado, pero, aínda que non o creas, pode chegar a resultar sinxelo.
¿Como acadalo?. O máis recomendable é tratar de adoptar o que se coñece como a actitude do “observador”; esta actitude implica que, a pesares do abrumado/a que podas estar, fagas o posible por separarte de ti, é dicir, da “personaxe” ou rol que desenvolves na sociedade e no contorno no que vives e sexas quen de verte “dende fóra”, cos beneficios que isto conleva.
Ao marcar distancia coa “personaxe”, estás separándote tamén da túa mente e do seu “ruido”, é dicir, sepáraste de toda a ladaíña de pensamentos negativos recorrentes que te atormentan na túa vida cotiá. Ademáis, disto, adquires unha visión máis ampla, máis serena e neutral de aquelo que te preocupa ou do problema en cuestión.
O xeito máis eficaz de “observarte” é adestrándote na relaxación; mentres te acomodas nun lugar agradable, silencioso e íntimo para ti, comezas a respirar profundamente e a centrarte en sentir como o aire entra e sae do teu corpo; ao comezo, molestarache a incesante cadea de pensamentos negativos que pasarán pola túa mente, pero mantendo a calma, deixándoos pasar, sen xulgalos, sen ficar “enganchado” a eles e sendo constante neste adestramento, pronto acadarás a capacidade de ser o teu “observador” e recollerás os froitos da mesma.
Polo tanto, o feito de “observarte” a ti mesmo e aos teus pensamentos, non só te vai relaxar, senón que te vai centrar e enfocar cara posibles solucións e na dirección de acadar os teus obxetivos (cando está na túa man) e no caso de que a solución non dependa de ti, ten por seguro que vaite aportar ferramentas para soportar o mellor posible as circunstancias adversas e para protexerte emocionalmente mentres estas duren.
Dende logo, é un gran exercicio de vontade, humildade e desenvolvemento humano, pero tamén é certo que, a satisfacción e plenitude que te aportará, serán proporcionais ao esforzo realizado e serán unha ferramenta que te axudará toda a vida.